Single gravado en Descúbreas Mentoring: "I eu?"
É unha das 8 mozas que publica a súa canción no Programa de Mentoring de Descúbreas II
“A Riso” é o nome artístico da cantautora vilagarciá Alba Nogueira que dende moi pequena empezou a relacionarse coa música, formando parte do coro da súa cidade natal con tan só 5 anos, á vez que aprendía piano e solfeo. Na adolescencia continúa co estudo da técnica vocal e o canto moderno e en 2018 graduase coma “Titulada Superior en Arte Dramático, Interpretación Textual” pola ESADg de Galicia. “A Riso” explicaba o porqué das súas dúas vocacións: “prodúceme curiosidade saber máis sobre as diferentes posibilidades que temos á hora de utilizar a voz, xa sexa falada ou escrita”.
O seu primeiro sinxelo “I eu?”, gravado dentro do Programa de Mentoring de Descúbreas II, é un canto á resistencia e á loita pola defensa dunha voz propia. Nesta canción “A Riso” fala da desigualdade, da inxustiza e da impotencia ante miradas externas, cheas de prexuízos. A artista reivindica unha cultura diversa e igualitaria onde se escoite a voz das mulleres, que segue a ser silenciada en ámbitos como a música ou as artes. Esta potente mensaxe fusiónase no single con sons propios da canción de autor, do folk, do R&B e do pop; estilos presentes en todo o seu repertorio.
“A Riso”, que continúa abríndose un oco na escena musical a través da súa honestidade, o seu gusto pola posta en escena e as súas letras reivindicativas, está compoñendo novas cancións para publicar un EP. Ademáis, despois de Descúbreas Mentoring, foi entrevistada pola revista de arte “LIGIONE”.
Na esfera da arte dramática, cofundou as compañías de teatro “Amorodio Teatro”, coa que realizou a xira “Reino da extinción”, e “Cacharela Teatro”.
Descúbreas Mentoring
Descúbreas mentoring é unha das accións máis importantes do programa Descúbreas que ten como obxectivo o fomento do talento feminino na música. Na súa primeira edición, oito mozas da provincia de Pontevedra foron elixidas por un xurado de profesionais da música para formar parte deste programa de mentoría. En Descúbreas Mentoring leváronse a cabo varios procesos para acompañar ás mozas nos seus primeiros pasos no sector da música. As mentorías versaron sobre industria musical, dereitos de autor, o proceso creativo, organización de grandes eventos, os concertos en directo ou a imaxe e marca persoal, entre outros temas. Para iso, contamos coa participación das mentoras Patricia Hermida, Raquel Seijo, Wöyza e Andy González. Ademais, as mozas puideron coñecer como se realiza a produción dun videoclip, foron autoras do guión e traballaron de forma estreita co equipo audiovisual para conseguir o videoclip desexado. Por outra banda, coñeceron as reviravoltas da gravación en estudo co equipo de Regalamúsica, que conta con ampla experiencia no ámbito da produción de música e na xestión editorial.