De Vacas

Despois do seu primeiro “Tour vacanal”, presentado no 2016, veñen de xirar por teatros e prazas co seu último espectáculo, o “Tour vacanal 2019”. Unha cerimonia, un casamento oficial co público para o que renovaron coroas, alpacas, vestidos e repertorio.Unidos aos grandes xites como o Amodiño ou o Noite e Día, aparecen temas novos que dan resposta tamén a novas inquedanzas musicais, tal é o caso de El anillo pa’cuando? ou Rexurdimente, dos que tamén fixeron videoclips, outro dos seus fortes, acadando miles de visualizacións en internet.

Harmonías cálidas e guitarra colorida, unidas ao son do matraquillo cando é preciso, luces e coidada posta en escena. Seguen amosando a súa querencia polas autoras galegas como Marta Sánchez, Rosalía de Castro ou Enrique Igrexas, e profundizan nas temáticas de corte social como é o caso da canción Esmegma ou a composición propia Tetas ao ar María del Mar. As grandes referencias da adolescencia latexan ao fondo, consideran que son unha fonte inesgotable de creación que queren seguir explorando.

Pero non só iso, as vacas actuaron por toda Galiza e xiraron por parte importante da península (Madrid, Valencia, Euskadi, Murcia, Andalucía, Asturias, Castela e León, Portugal…)

Foron espectáculo musical recomendado na Rede Española de Teatros e Auditorios no ano 2019. Gañaron o Premio Territorio Violeta na Feira de Teatro de Ciudad Rodrigo, como recoñecemento polo traballo feminista en prol da igualdade de xénero no ano 2018. Gañaron os Premios Martín Códax da Música, na categoría de Coros e Música Vocal no ano 2016.

Paticiparon en feiras destacadas como a Mostra de Teatre D’Alcoi (2019), Feira de Teatro de Castilla y León Ciudad Rodrigo (2018), a MIT de Ribadavia (2018), o Festival de Música e Humor “O Gesto Orelhudo” (Águeda, Portugal, 2018) ou o Festival Arcu Atlánticu (Xixón, 2016). Tamén lles gusta ir de gala, foron voz da Gala de Premios Catas de Galicia 2018 ou dos Premios da Cultura Galega 2016.

WEB DA BANDA

YOUTUBE