Leilía nace no ano 89 cando seis mulleres se xuntan para recuperar do esquecemento a tradición oral galega. Ao son de pandeiretas e voces, pronto van agromando os froitos. A mediados dos noventa chega o seu louvado debut Leilía, composto exclusivamente por pezas tradicionais. O seguinte reto será achegar a música do pasado ao presente, por medio da incorporación de instrumentos e polifonías non tradicionais. Así nace I é verdade i é mentira (1998), baixo a produción musical de Nando Casal e Antón Seoane, membros de Milladoiro. No ano 2003 chega Madama, onde a fórmula se enriquece incorporando letras de temática actual.
Xa no 2005 publican Son de Leilía, un percorrido pola historia do grupo. Ás portas do 2012 sae á luz Consentimento, un disco no que apenas tres instrumentos -guitarra, acordeón e contrabaixo- achegan á perfección a beleza do canto tradicional e os versos de varias poetas galegas da actualidade: Ana Romaní, Yolanda Castaño, Eva Moreda, Mariña Pérez, Eva Veiga, Ana Amado e Marilar Aleixandre. Actualmente celebran o 30º aniversario co espectáculo CantarElas, no que miran atrás e conectan as súas oríxes ca actualidade, pasando polas diferentes sonoridades do grupo.
Outra información:
Premio As nosas músicas 2019
Premio Cornamusa do Festival Atlántica 2019
Premio Rebulir da Cultura Galega 2016