sara casas lanza silencio

Sara Casas

Sara Casas é unha cantante e compositora viguesa e formou parte da última edición do Programa Descúbreas Mentoring Coa súa música crea un caleidoscopio sonoro que contén reflexos da súa orixe galega, aires portugueses, ritmos que lembran a Andalucía e as cadencias das melodías inglesas. A música de Sara Casas leva a lugares comúns, emocións e vivencias compartidas con calquera persoa que se namorou, que crea na xustiza, que ame a terra ou que viva intensamente, porque disto van as súas cancións. A forza que presenta desde o escenario o seu canto acariña no máis profundo do ser. Os seus referentes son tan diversos como Chavela Vargas, Silvia Pérez Cruz ata Amy Winehouse ou Luisa Sobral. En ocasións é acompañada por un cello ou piano que achegan á súa música elegancia, profundidade e un prisma sonoro diferente.  

Descúbreas Mentoring

Descúbreas mentoring é unha das accións máis importantes do programa Descúbreas que ten como obxectivo o fomento do talento feminino na música. Na súa primeira edición, oito mozas da provincia de Pontevedra foron elixidas por un xurado de profesionais da música para formar parte deste programa de  mentoría. En Descúbreas Mentoring leváronse a cabo varios procesos para acompañar ás mozas nos seus primeiros pasos no sector da música. As  mentorías versaron sobre industria musical, dereitos de autor, o proceso creativoorganización de grandes eventos, os concertos en directo ou a imaxe e marca persoal, entre outros temas. Para iso, contamos coa participación das mentoras Patricia HermidaRaquel Seijo,  Wöyza e Andy González. Ademais, as mozas puideron coñecer como se realiza a produción dun  videoclip, foron autoras do guión e traballaron de forma estreita co equipo audiovisual para conseguir o  videoclip desexado. Por outra banda, coñeceron as reviravoltas da gravación en estudo co equipo de Regalamúsica, que conta con ampla experiencia no ámbito da produción de música e na xestión editorial.