Xiana Lastra

Actualmente é a cantante do grupo A banda da Loba, deseñadora e produtora en Seispés Producións Creativas e Presidenta de Músicas ao Vivo.

Respecto á súa formación académica, é Licenciada en Xornalismo e Comunicación e Audiovisual. Ademais, estudou piano no Conservatorio Profesional de Música de Ferrol e formouse en técnica vocal e canto con personaxes relevantes como a mezzosoprano Mª Xosé Ladra, Ramón Bermejo ou Robert Sussuma.

Traballou como redactora de informativos en TVE e a TVG, onde tamén desenvolveu traballos de produción en programas de corte cultural como Planeta Cine e Miraxes. Posteriormente, no 2012, creou xunto aos seus dous socios a produtora Seispés Producións Creativas, dedicada ao audiovisual, o deseño gráfico, a comunicación e a produción e promoción musical, centrándose principalmente nesta última tarefa e traballando de manager de grupos como a propia A banda da Loba, Tanxugueiras, Monoulious DOP, Pesdelán ou MJ Pérez e realizando campañas de promoción en medios doutros moitos proxectos como o emblemático grupo A Roda ou o gaiteiro Anxo Lorenzo.

Respecto á súa carreira musical, imparte clases de técnica vocal en diversos monográficos ou de maneira habitual na asociación compostelá Cantigas e Agarimos durante varios anos. É coautora xunto ao seu pai, Xosé Lastra, dos libro-disco A miña primeira Rosalía e O meu primeiro Celso Emilio, publicados por Xerais. Nestes mesmos proxectos puxo a voz acompañada por María Manuela, Mini e Mero e unha gran banda de músicos/as do país entre os que se atopaban persoeiros coñecidos como Nani García, Xurxo Varela, Roberto Grandal, Simón García, Manuel e Pepe Dopico, Paco Barreiro, Pablo Sabio ou Nuria Lestegás.

Tamén foi vocalista do grupo de percusión Odaiko Percussion Group, do trío Puntada sen fío e, actualmente, da A banda da Loba.