Susana Seivane ofrecerá unha charla sobre o papel da muller na música

Susana Seivane protagonizará a terceira sesión das xornadas ‘As mulleres, cen anos despois de Emilia Pardo Bazán: Conversacións en Casa-Museo’, organizadas polo Concello da Coruña en colaboración coa Real Academia Galega a través de Casa-Museo Emilia Pardo Bazán.

Seivane reflexionará sobre a situación das mulleres que se dedican á música, nunha conversación co xornalista Manuel Rodríguez que terá lugar a partir das 18:00h. Pódese asistir presencialmente reservando praza no correo electrónico difusion@academia.gal, indicando nome completo, DNI e número de teléfono, pero tamén poderá seguirse na canle de YouTube de Cultura da Coruña.