Unha nova edición de Elas Son Artistas

Elas Son Artistas chega cunha nova edición para este 2021 e mantén o seu compromiso coa cultura protagonizada por mulleres. A partir de abril e ata decembro, poderemos gozar na área metropolitana da Coruña de diferentes concertos e actividades. Queredes estar ao tanto da súa programación? Aquí vos deixamos as ligazóns ás súas redes.

Que é Elas Son Artistas?

Elas Son Artistas é un micro festival no que a creatividade da muller é protagonista e que achega eventos culturais aos concellos da área Metropolitana da Coruña cunha programación máis intensa na capital, na que conta con múltiples sedes.

En todos os espectáculos, sexan de música, teatro, pintura, poesía, humor… a característica que os une é que hai mulleres creadoras á fronte deles, aínda que iso non exclúe aos homes dos seus escenarios. Trátase dun proxecto que pretende visibilizar a igualdade na cultura e que incorpora tamén unha xornada profesional para traballar no ámbito das boas prácticas que permitan unha igualdade real no ámbito das artes, tanto por parte das administracións públicas como desde o sector privado.