SARA SANMARTÍN

Single gravado en Descúbreas Mentoring: "20 Veces Más"

É a primeira das 8 mozas que publica a súa canción no Programa de Mentoring de Descúbreas I

Sara foi unha entusiasta da música dende pequena, o que a levou a estudar dous anos nunha academia de música e outros tres no conservatorio, completando o grao elemental. Esta moza pontevedresa conta cunha portentosa voz que lembra en forza á das grandes damas do soul e en frescura e suavidade a referentes pop máis actuais. A Sara inspíranlle as grandes voces coma  Whitney  Houston,  Adele ou  Beyoncé e, na esfera nacional, é seguidora de Vanesa Martín, Pastora Soler, Aitana e Lola Índigo. Con estes gustos, o seu tema debut “20 Veces Más”, gravado no Programa de Mentoring de Descúbreas I, tiña que ser sobre todo pop. A canción é unha balada, mesturada con algúns ritmos latinos, que se arrolan entre unha bachata desenfadada e un elegante reguetón.

Tras a publicación deste primeiro single no seu paso polo Mentoring de Descúbreas, Sara ampliou o seu repertorio publicando, en 2022, dous novos temas producidos por Sete Sousa: “Aitana” e “Esta por nosotras”.  Ese mesmo ano actuou no festival “Vive Nigrán” e a comezos do 2023 cantou en directo no programa da Televisión de Galicia “Bamboleo”.

YOUTUBE

FACEBOOK

INSTAGRAM

Descúbreas Mentoring

Descúbreas mentoring é unha das accións máis importantes do programa Descúbreas que ten como obxectivo o fomento do talento feminino na música. Na súa primeira edición, oito mozas da provincia de Pontevedra foron elixidas por un xurado de profesionais da música para formar parte deste programa de  mentoría. En Descúbreas Mentoring leváronse a cabo varios procesos para acompañar ás mozas nos seus primeiros pasos no sector da música. As  mentorías versaron sobre industria musical, dereitos de autor, o proceso creativoorganización de grandes eventos, os concertos en directo ou a imaxe e marca persoal, entre outros temas. Para iso, contamos coa participación das mentoras Patricia HermidaRaquel Seijo,  Wöyza e Andy González. Ademais, as mozas puideron coñecer como se realiza a produción dun  videoclip, foron autoras do guión e traballaron de forma estreita co equipo audiovisual para conseguir o  videoclip desexado. Por outra banda, coñeceron as reviravoltas da gravación en estudo co equipo de Regalamúsica, que conta con ampla experiencia no ámbito da produción de música e na xestión editorial.