Elsa Muñiz

Elsa Muñiz

Desde moi pequena mostra interese pola música e aos seis anos empeza a asistir a clases de piano. A súa formación profesional pasa por conservatorios e universidades de Galicia e do estranxeiro. En Galicia fórmase durante 10 anos no Conservatorio Profesional de Ribeira (A Coruña) onde realiza o Grao Elemental e Profesional en Piano. Despois, realiza o Grao Superior no Conservatorio Superior de Música de Vigo e na Universidade de Música Fryderyk Chopin de Varsovia. Nesta última universidade polaca amplía a súa formación pianística a través de estudos de posgrao. O gusto polo ensino e a pedagoxía tamén afloran desde a súa infancia. Deste xeito, decide combinar os seus estudos musicais coa súa formación pedagóxica na Universidade de Santiago de Compostela a través do Grao en Mestre de Educación Primaria, con Mención en Educación Musical e Inglés. A composición musical e Elsa van unidas desde practicamente toda a súa vida. Compón a súa primeira canción con 8 anos e estrea outra con tan só 10. Todos os anos de formación no ámbito do ensino e o piano clásico compaxínaos coa súa paixón por escribir cancións e pezas fundamentalmente instrumentais para piano. A finais de 2018 publica o seu primeiro álbum, Memories, co que crea un novo concepto dentro da música clásica: «o pianotelling», é dicir, música instrumental para piano que dá vida a microrrelatos autobiográficos. Así, pretende achegar a música instrumental de xénero predominantemente clásico ao gran público, facéndoa máis accesible e dotándoa dun compoñente didáctico e pedagóxico fundamental.