Escola Municipal de Música de Mondariz

A Escola Municipal de Música de Mondariz, ubicada nas antigas instalacións do C.E.I.P. Riofrío-Vilar (rúa Pé do Muíño s/n, Riofrío-Mondariz), foi inaugurada no ano 2006 co propósito de ofrecer formación musical a persoas de todas as idades, a partir de 3 anos.

Na súa oferta formativa anual combina materias colectivas (música e movemento para alumnado en idade preescolar, coro, orquestra, grupo rock, grupo folk, pandereteiras, percusión africana) con especialidades instrumentais (gaita, piano, guitarra, percusión, vento-madeira, vento-metal). Deste xeito, permite iniciarse na linguaxe musical e avanzar na práctica lúdica dalgún instrumento a un ritmo bastante personalizado.

Nos seus 15 anos de actividade, a Escola Municipal de Música de Mondariz ten formado a centos de persoas do propio Concello de Mondariz e doutros concellos veciños, consolidándose como un centro de referencia sociocultural na comarca. Así mesmo, representa a continuidade da rica tradición musical de Mondariz e mantén contactos con outras bandas e escolas de música de ámbito provincial.