HIGH PAW é unha singjay (cantante e MC) de Vigo nada en 1993. A súa faceta de escritora comeza a tomar forma aos quince anos e entre parques e escenarios libera a súa voz influenciada polas grandes cantantes da música negra, pero nunca privando ao ouvido dos estilos máis variados.
Os sons de antano abraiana dende pequena e espertan nela un especial interese pola música de raíz xamaicana, a súa mensaxe e instrumentación. Nas sesións a vinilo ou en jam sessions, compartindo vibras, evoluciona o seu estilo movéndose entre o Soul máis ceive e o estrito Rub-A-Dub.
Co paso dos anos adapta as súas letras a unha selección de ritmos diversos e baixo a produción de Nuh Face Records. compón o seu primeiro traballo con líricas orixinais Searching for the Recipe, gravado no estudo vigués The Dub Yard onde ela traballa de cotío. Durante varios anos High Paw presenta este disco co seu dj Nahno Selectah, a corista Laura Mercy e coa súa banda Elephants Yard por salas galegas e escenarios do resto da península.
En novembro de 2018 realiza unha xira con Ofer Selectah por México que a leva a varias cidades do país, presentando a súa música a esta escena tan potente.
Na actualidade traballa con especial regularidade coa súa banda, colectivizando esforzos para crear música no estudo e en directo, ademáis de programar eventos como unha jam session semanal de Reggae na súa cidade. Con referencias nas costas como os singles Exame e My Temples, High Paw & Elephants Yard xa teñen actuado por moitos escenarios formando parte do cartaz de festivais como Minho Reggae Splash, International Dub Gatering, Reggaeboa, As Revenidas, Fiestizaje ou Verdoejo Rock en Portugal.
ESCÓITAA