Su Garrido Pombo

Su Garrido Pombo é unha cantante, música e compositora galega. O seu estilo músical abrangue diversos xéneros, con matices de bossa, folk, jazz ou latin. A sua música é intimista e nos seus directos sempre está ben acompañada pola súa guitarra e os seus pedais de efectos.

Su Garrido Pombo estudou guitarra no Conservatorio Mayeusis en Vigo (1992-2000), Historia da Arte na Universidade de Santiago de Compostela (2000-2003) e Musicoloxía na Universidade de Salamanca (2003-2007).

Dende 1999 ata 2003 é membro do grupo de folk “Lembranzas Galegas” e no 2003 funda o grupo “Sonhos” co que xira en 2006 por diferentes cidades de Holanda. En 2010 “Sonhos” presenta o seu álbum debut no programa Discópolis de Radio 3.

No 2015 forma o grupo TREME xunto a Margarida Mariño co que conseguen o 1º Premio no concurso “Música Xove” ó mellor grupo xove galego.

En 2018 Su Garrido Pombo grava o seu primeiro disco en solitario “Quedo a vivir aquí” e nese mesmo ano forma “Son Trío”, un proxecto musical xunto a Katia Linke e Susana Blanco co que serán finalistas dos “Premios Martín Códax da Música” na categoría de “Música Clásica e Contemporánea” e co que gañarán o II Concurso Celso Emilio Ferreiro de poemas musicados.

Como solista, Su Garrido Pombo, obtén en 2018 o primeiro posto no “Concurso Fran Narf” da Deputación de A Coruña e no 2019 o “Premio Martín Códax da Música” na categoría de “Canción de Autora”.

A finais do ano 2022 publica o seu novo disco ”Patios de luz”. Nove temas onde as protagonistas son as veciñas dos patios, a comunidade, a mestura da aldea e do barrio, o doméstico, o lugar que habitamos. Porque, en palabras da artista, “os patios son as partes de atrás, o oposto ás fachadas, son os nosos teatros”.

YOUTUBE

INSTAGRAM

FACEBOOK