TURMA e INTERNET

Turma Caipira

A paixón pola música popular brasileira é o punto de unión deste cuarteto integrado por Marga Ramos (voz), Fran Castro (piano e coros), Quique Alvarado (baixo) e Samuel Pérez (batería). O grupo ven de participar en eventos referenciais, coma o Festival Noroeste, o festival +QueJazz e o Berlanga Pop-Tropical, e foi finalista dos Premios Martín Códax na categoría Músicas do Mundo.  O seu repertorio propio, interpretado en portugués, convive no escenario con clásicos brasileiros do tropicalismo.

Turma Caipira é unha revelación na actual escena musical galega. No seu debut discográfico (Bellis Silvestris, 2018), o timbre único da coruñesa Marga Ramos canta sobre as harmonías tecidas por un trío de músicos formados no jazz. O coro de Fran Castro aporta ás súas melodías unha tintura pop que abre a súa proposta a un público amplo. A intersección destas influencias outorga á formación un carácter propio e novo.

Tras anos de investigación e afondamento en xéneros coma a bossa nova, a samba ou o baiao, Turma Caipira ofrece un temario de cancións de amor e vida que transcenden os estilos, pero que saben a tropicalismo, jazz, morriña e praia.