Gala de Descúbreas 2

Compartir

O futuro da industria musical dáse cita en Pontevedra na gala de Descúbreas 2

O evento de presentación dos videoclips do programa da Deputación convértese no escaparate máis singular das propostas musicais da escena musical galega presente e futura

 Desde baladas pop, ao indie máis divertido, da atrevida fusión do folk galego co jazz ao rock melódico e a canción de autora, foron algúns dos estilos musicais que se escoitaron onte á noite na gala de clausura da segunda edición de Descúbreas Mentoring. Escoitáronse onte, pero é a música do presente e do futuro porque as súas autoras acaban de arrincar as súas carreiras musicais coa gravación dun single e dun videoclip que se presentou no evento organizado pola Deputación de Pontevedra e que contou coa presenza e un motivador discurso da  presidenta, Carmela Silva.  

Durante os últimos meses, as oito participantes do programa de bolsas Descúbreas Mentoring puideron gozar de varias mentorías grupais e individuais con profesionais como Patricia Hermida (Dotbeat), Woyza, Andy González, Priscilla Retamozo e Salomé Limón. Esta última, produtora musical gañadora de cinco premios Grammy Latinos, asesorou na produción das cancións gravadas no marco da iniciativa polas mozas bolseiras: Alba Nogueira, Ane Fonseca, Amparo Mosqueira, Carolina Lemos, María Gabeira, Mariña Vigo, Sara Baños e Sara Casas. Así mesmo, gravaron un videoclip (que se estreou onte en primicia na gala) e nas próximas semanas aprenderán a distribuír e promocionar a súa música. Ademais, hai outra actividade prevista para coñecer as claves de como preparar unha xira de concertos.  

Na gala de onte, celebrada na escalinata do Pazo da Deputación, as persoas asistentes gozaron deste primeiro e exclusivo pase dos videoclips. Tamén destacable foi a actuación das portentosas voces do Rebeca Rods Gospel Ensemble. O evento estivo presentado por Law, unha das mozas que na primeira edición foi mentorizada. Law compaxina a súa carreira como cantante, coa de modelo e guionista de cómic manga.  

Un dos momentos máis emocionantes da gala foi a colaboración do coro de Gospel dirixido por Rebeca Rods xunto ás mozas dos programas de mentoring deste ano e do pasado. A canción elixida foi Respect, escrita por Otis Redding e que nos 60 tomou unha nova dimensión e converteuse nun himno feminista en voz de Aretha Franklin. Onte á noite volveu ser un clamor contundente que pide respecto por todas as mulleres silenciadas e non só na industria musical.

O programa Descúbreas

Este programa de bolsas e a plataforma web www.descubreas.com pon ao dispor das novas artistas diferentes ferramentas e coñecementos que son básicos para iniciar calquera carreira artístico-musical. Está dirixido a artistas cuxas carreiras están nun momento incipiente e que sexan creadoras das súas propias cancións. Este ano dobrouse o número de mozos que se postularon para o programa de bolsas con respecto ao primeiro ano. As publicacións de Descúbreas en Facebook e Instagram tiveron un alcance de máis de 300.000 persoas. Este ano, o programa Obxectivo Igualdade de RTVE destacou o labor de Descúbreas dedicándolle unha reportaxe á iniciativa. Ademais, a páxina web tivo máis de 15.000 visitantes e máis de 35.000 páxinas vistas. Nela, pódense atopar as últimas novidades da música feita por mulleres, recursos como videotutoriales, programas de formación, un directorio que xerou varias oportunidades laborais, entrevistas con referentes da industria musical e a axenda de concertos das artistas que actúan en Galicia ou doutros eventos que promoven un sector musical xusto e igualitario.  

Desta forma, facendo accesibles estes recursos programas como Descúbreas pretenden poñer fin á brecha de xénero en carteis de festivais, nas listas de éxitos, nos premios Grammy, nos postos executivos das compañías discográfica, na disparidade do que perciben as autoras e os autores polas súas obras e nas diferenzas salariais en xeral. 

O público que asistiu onte á gala de Descúbreas Mentoring puido gozar da heteroxeneidade de estilos das obras das novas artistas que participaron neste programa. Desta forma, a gala converteuse nunha excelente mostra de como será a industria musical nun futuro se continúan iniciativas como Descúbreas: diversa, inclusiva e igualitaria.