A Banda da Loba, Pauliña ou Sés son algunhas das artistas que soarán en Galicia Emerxe

A CRTVG ofrecerá, dentro da iniciativa Galicia Emerxe, ao longo deste ano 50 concertos de artistas e grupos galegos, a través das súas canles de televisión, radio e internet. Mercedes Peón, A Banda da Loba, Sés, Wöyza, De Vacas son algunhas das artistas que participan pero hai moitas máis.

Cada concerto ten unha duración de 40 minutos que comezou este pasado 13 de xaneiro nas Noites Temáticas da G2 co concerto de Mercedes Peón. Repetirase a emisión os sábados arredor das 10:40h na TVG e ao rematar estará dispoñible na web da CRTVG. Os sábados a partir 22:00h tamén poderás escoitar estes concertos na Radio Galega Música.

Galicia Emerxe é unha iniciativa que nace para apoiar o sector musical co obxectivo de visibilizar o traballo dos artistas e grupos galegos, moi afectados polas restricións sanitarias.

“Galicia Emerxe realizouse no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura que se converteu nun estudio de televisión para acoller estes concertos ao vivo. Un dato interesante e a ter en conta é que a través de Galicia Emerxe mobilizáronse 41 axencias de contratación galegas, 21 empresas de servizos musicais e 33 técnicos de son dos propios grupos. Implicáronse áreas como produción, son, iluminación, realización e edición de vídeo, deseño gráfico e visual, construción efémera, escenarios e estruturas, hospitalidade, backliners, comunicación e, especialmente, seguridade e prevención de riscos laborais para garantir tamén un estrito protocolo hixiénico-sanitario dos equipos artísticos e técnicos”. Canta xente traballa na música!