sara casas lanza silencio

Sara Casas lanza ‘Silencio’, o single gravado e producido en Descúbreas

Compartir

A artista Sara Casas lanza Silencio, unha canción que é un clamor pola necesidade humana de buscar a harmonía vital. Este single, que se poderá escoitar proximamente en todas as plataformas, xa se pode gozar no seu formato audiovisual na súa canle de Youtube. Tanto a canción como o vídeo foron gravados e producidos no marco do programa Descúbreas Mentoring da Deputación de Pontevedra, no que Sara Casas participa tras ser seleccionada para a segunda edición.

O single que Sara Casas lanza é un novo adianto do seu próximo EP do que xa presentou nos seus directos algunhas outras cancións. ‘Silencio’ é unha canción intimista que pasea por emocións comúns e que Sara plasma nunhas letras non carentes de forza. Silencio é un canto á necesidade humana de conectar coa natureza de forma espiritual e consciente. Sara Casas apela á procura dunha vida en harmonía e a poder atopala. 

O repertorio desta artista resalta porque soubo plasmar de forma orgánica e sutil a súa bagaxe persoal na súa música. Sara Casas crea un caleidoscopio sonoro que contén reflexos da súa orixe galega, aires portugueses, ritmos que lembran a Andalucía e as cadencias das melodías inglesas. A música de Sara Casas leva a lugares comúns, emocións e vivencias compartidas con calquera persoa que se namorou, que crea na xustiza, que ame a terra ou que viva intensamente, porque disto van as súas cancións. A forza que presenta desde o escenario o seu canto acariña no máis profundo do ser. Os seus referentes son tan diversos como Chavela Vargas, Silvia Pérez Cruz ata Amy Winehouse ou Luisa Sobral. En ocasións é acompañada por un cello ou piano que achegan á súa música elegancia, profundidade e un prisma sonoro diferente. Podes escoitar máis de Sara Casas nas súas canles sociais:

SPOTIFY

INSTAGRAM 

FACEBOOK

YOUTUBE