Caro é criada nun ambiente musical no que asistir a ensaios e concertos era algo habitual; no que a presenza e práctica de instrumentos musicais sempre se viviu como un xogo máis no que atopar diversión. Sobe por primeira vez a un escenario ante uns cuantos centos de persoas con apenas 11 anos. A súa primeira composición é reproducida en bucle durante toda unha xornada no seu instituto ao escribir, con 13 anos, unha
canción en conmemoración ao “día contra a violencia machista”.
Xa en 2020 a súa presenza no proxecto “Escola de Rock” impulsado desde Paredes de Coura, sede do prestixioso festival do noso país veciño, Portugal, convértese nunha plataforma onde Caro a partir dese ano en diante adquire peso escénico e versatilidade vocal. Os shows percorren diversas localidades de Galicia e Portugal.
A madurez vocal que adquire lévana a ser requirida para gravar coros en proxectos de bandas de rock xunto a cantantes de referencia en Galicia como Lara Rodríguez (Broken Peach) ou Diana Tarín.
O seu proxecto artístico persoal adquire unha dimensión máis seria ao ser escollida como unha das máis novas artistas do programa “Descúbreas” da Deputación de Pontevedra, dentro do cal se materializará o lanzamento do seu primeiro single “Despiértate”.