María Gabeiras publica Impuntual

María Gabeiras lanza ‘Impuntual’

Compartir

A nova cantautora galega, María Gabeiras, lanza “Impuntual”, un novo single, adianto do que será o seu próximo traballo discográfico. A canción vén acompañada ademais dun videoclip. Este single e o videoclip foron gravados e producidos no marco do programa Descúbreas  da Deputación de Pontevedra para o que a artista foi seleccionada. Trátase dunha balada-pop, dedicada a esa persoa á que por moitas oportunidades que lle dás, nunca é capaz de aproveitalas. Como a propia artista recalca, “é unha canción para unha persoa coa que tentas quedar para sempre. Pero sempre impuntual, nunha estación na que xa non a estás esperando”. 

No videoclip aparece a cantante tocando un piano nunha nave baleira, unha imaxe que apela ao sentimento de soidade tan presente na canción. María acompañouse desde os seus inicios na música do seu piano, polo que para ela é esencial a presenza do instrumento no videoclip. 

Durante a corentena pola Covid-19 do 2020, María deuse a coñecer no panorama da música independente coa súa EP debut “Pequenas Historias”. Catro historias gravadas en Vigo, que logran remover os sentimentos, evocar poéticas imaxes e construír un universo musical que merece a pena descubrir. E todo cunha honestidade terriblemente adictiva. Agora, regresa cun novo tema, “Impuntual”. Desde o 31 de agosto deste 2022 o seu novo single “Impuntual” está dispoñible en todas as plataformas dixitais e de streaming.