Pauliña presenta o seu novo álbum, “Testemuñas”

TESTEMUÑAS é un claro exemplo de todo o que nos rodea. Non só no referente á COVID, senón tamén os problemas que xa tiñamos e dos que nos estamos esquecendo. A loita feminista segue estando moi latente, pero desta volta a temática tamén xira en torno a Galiza, quizáis pola etapa universitaria que Pauliña comezou a vivir este ano.

Neste novo traballo colaboraron grandes nomes da cultura galega como o Leo de Matamá, High Paw, Nee Barros e Fosi Labazada, e tamén un dos grandes nomes da música portuxesa como son os Kumpania Algazarra, compañeirxs dxs que aprendeu moito neste novo rexistro co que nos atopamos.

Este é un disco bailable, con ritmos mesturados e toques ao blues, que tanto a acompañou a Pauliña ao longo da súa vida. A figura do demo é un eixo fundamental neste traballo, xa que lembrouse moito do devota que era a súa avóa, dos medos que a atormentaban…

A portada está feita por Pruden e Lúa, un matrimonio de xente nova que traballan a prol da súa cultura. Mesturan o tradicional cos nosos tempos. No deseño existen claras alusións a todas as cancións do disco, quedando compactado en imaxes moi claras. Referencias a Urbano Lugrís, referente da pintura galega, a Cambados, á loita, ás mulleres en medo e decididas (quitando xa o papel de vítimas), ó demo e os cruceiros do que tanto falaba Castelao, “…en cada cruceiro de pedra, un pecado…”, ás tabernas e furanchos que dende moi nova frecuentou en Barrantes ou na súa vila natal, e, obviamente, unha referencia de despreocupación, de modernismo, de innovación como foron os Beatles (coa imaxe da rapaza coas gafas e a flor).

Aquí podedes ver o videoclip do tema “Remordementos”: