“Novas Herbas” é o primeiro single do novo traballo de High Paw e Elephants Yard

Elephants Yard e High Paw presentan o vídeo de ‘Novas Herbas’. Con esta canción comezan a mostrar o traballo en forma de LP que levará o mesmo nome e que se publicará en todas ás plataformas o 15 abril de 2021.

O sinxelo publicado dende The Dub Yard Records arrecende a Reggae Roots co toque especial do selo e da banda galega, que en combinación atopan novas fórmulas para seguir poñendo son á súa personalidade. O vídeo é autoproducido, en colaboración con Patética Produtora, e nel mergullan en texturas e perspectivas que parecen extraterrestres, mais ven a dicir que o máis fantasioso tamén o atopamos neste mundo e nos elementos que nel conflúen. As líricas falan do continuo ciclo de vida e morte do amor e das ideas, dando valor aos procesos, apertando o novo que sempre chega e dicindo adeus coa liberdade de quen sabe que saudará aos brotes.