O trío galego logra o pase á final tras unha poderosa e emocionante proposta escénica
Tanxugueiras xa está un paso máis preto de Eurovisión. O trío galego era favorito nas quinielas desta primeira semifinal, e os prognósticos cumpríronse.
Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro xogaranse na final deste sábado 29 de xaneiro o converterse nas representantes de España en Eurovisión este 2022. Unha das súas maiores rivais será probablemente outra das grandes favoritas, Rigoberta Bandini, quen aínda ten que vencer na segunda semifinal, prevista para este xoves 27 de xaneiro.
O poderoso espectáculo de Tanxugueiras non obtivo puntuación por parte do xurado, pero si conquistou á mostra demoscópica e ao público, que co seu televoto outorgoulle máxima puntuación facendo posible que estean na final deste sábado. Así quedaron as puntuacións finais:
Chanel – 110 puntos
Tanxugueiras – 93 puntos
Blanca Paloma – 79 puntos
Varry Brava – 69 puntos
Azúcar Moreno – 64 puntos
Unique – 40 puntos
O vindeiro sábado 29 de xaneiro estarán na final acompañadas por Chanel, Blanca Paloma e Varry Brava.
Tanxugueiras explicaba no seu vídeo de presentación o seu obxectivo con “Terra”: “As fronteiras soamente existen nas mentes. Queremos romper esas fronteiras co idioma”.
Ademais, durante a súa breve entrevista final lanzaron unha importante mensaxe: “Sen memoria non temos identidade nin futuro”.
Se te perdiches a espectacular actuación da formación galega nesta primeira semifinal, que fusionou con gran creatividade a raíz da tradición e as tendencias urbanas, podes revivila de novo aquí: