videoclip de sara en Descúbreas Mentoring

Comezamos a gravación dos videoclips en Descúbreas Mentoring

Compartir

En Descúbreas comezamos, estes días, a gravación dos videoclips das artistas que forman parte do programa do Mentoring. O noso equipo está a traballar coas novas bolseiras da Deputación de Pontevedra, para levar a cabo as súas ideas. Tras unhas primeiras semanas con varias mentorías grupais, o traballo creativo comezou e e vai dando os primeiros resultados.

Desde que arrincou esta segunda edición de Descúbreas, puidemos compartir diferentes eventos nos que por suposto fixemos partícipes ás mozas do programa de Mentoring. A gala inaugural, na que xa proxectamos algunhas das entrevistas gravadas este ano a profesionais, así como o evento ‘A Música, un universo laboral’, son dous deses eventos.
Para este último, aproveitamos a invitación que fixemos a Salomé Limón para que ofrecese unha mentoría grupal ás oito novas bolseiras nesta segunda edición. Durante a mesma, tal e como che contamos aquí, as artistas puideron aclarar algunhas dúbidas e aprender sobre produción musical coa gañadora de cinco Latin Grammy.

Ademais, as mozas do programa de mentoring xa puideron gozar tamén de varias Mentorías relacionadas con Imaxe Persoal, Perspectiva de Xénero na Música, Industria Musical, Videoclips e Comunicación do Proxecto artístico. Con estas ferramentas as mozas xa comezaron a traballar nas súas cancións e nos seus videoclips.

Polo momento, son tres as mozas as que iniciaron o proceso de gravación dos videoclips. Sara Baños creou unha historia divertida e sorprendente que seguro conquista ao público pola frescura da súa proposta. Mentres, a máis nova das mentorizadas este ano, Ane Fonseca, ideou unha historia dunha muller empoderada, capaz de deixar atrás a relación tóxica na que vivía. Marina Fernández empregou elementos arquitectónicos e paisaxísticos moi propios da costa de Pontevedra para un  videoclip que xira ao redor de varias ferramentas e xoguetes dun pasado non tan afastado.  

En canto á produción das cancións, algunhas mozas comezaron a gravar os seus temas e coñecendo o proceso que se realiza no estudo de gravación.

Será en xullo, cando por fin poidamos comezar a gozar do resultado deste traballo levado a cabo polo equipo de Regalamúsica, unha vez estean gravadas e producidas as cancións das oito novos participantes en Descúbreas Mentoring.