talento femenino

20 propostas musicais made in Galicia que tes que coñecer

Compartir

talento femenino

Descubre algunhas das propostas musicais máis interesantes de artistas femininas de Galicia

Galicia pode presumir de albergar no seu interior todo un tesouro de talento musical feminino. Un tesouro que moitas veces parece invisible. Nel, podemos descubrir mulleres que levan anos facéndose un oco na escena, e camiñando tras elas pero con paso firme, unha nova xeración de artistas que loita por alcanzar o espazo que durante tanto tempo pelexaron as súas predecesoras. Un lugar que, ao fin, están a lograr conquistar a base de traballo, talento e perseveranza. Aquí mostrámosche algunhas propostas xa consolidadas, e outras cuxo camiño comeza a debuxarse.

Se coñeces algunha proposta que pensas que debería formar parte deste artigo, fáinola saber!

Luadsant

Luna de Santana ten a fortuna de posuír unha das voces soul máis carismáticas da escena emerxente feminina en Galicia. De raíces brasileiras e galegas, a artista impacta coas súas directas e crúas letras, envoltas nunha musicalidade que navega entre a influencia de mulleres como Nina Simone, Aaliyah ou Erykah Badu.

Tras trasladarse a Reino Unido para formarse e preparar o seu primeiro EP, que contará con varias colaboracións, Luadsant está de volta en Galicia. Mentres esperamos o seu lanzamento, podes escoitar un dos seus últimos singles: “Used to it”, ou gozar do videoclip de “ Gemini”.

Laura Lamontagne

Multidisciplinar e polifacética, Laura Lamontagne vincula o seu proxecto musical co produtor PicoAmperio, formando así una das propostas máis prometedoras da nosa escena. Ambos reinventan o floclore galego cun cóctel electrónico repleto de matices e sonoridades. As súas atmosferas xa conquistaron grandes alabanzas por parte de público e da crítica, e aumentan cada día a expectativa ante o inminente lanzamento do seu primeiro disco, que xa se atopa en pleno proceso de gravación.

Non perdas o seu directo na Festa Demoscópica do pasado 2020.

Wyygga

Unha das representantes máis potentes da nova xeración da escena urbana made in Galicia. Wyygga regresa ao hip hop de raíz cun rap afiado onde o protagonismo recae na mensaxe. As súas letras fálannos da vida real e as súas dificultades. “Stay Strong” é o seu último single, que formará parte do seu próximo EP “Real Music”, en colaboración con Mozo López, e producido por WhiteCoast Music.

Its Soul

Polas súas veas corren o R& B e o soul, e é que Clau Costas creceu escoitando jazz e R& B ao seu arredor. As súas influencias permitíronlle crear un son moi persoal, que a levou a compartir escenario con artistas como Yugen Blakrok, a principal expoñente feminina do hip hop surafricano.

Actualmente traballa no seu próximo lanzamento, acompañada de produtores como Sebastian Black, Underclock e The Lost Beat, entre outros. Descobre como soa o seu último single, “DON´T”, e non te perdas o videoclip do seu primeiro single, “ Not Now”.

Carolina Rubirosa

Tamén coñecida por ser a vocalista de The Funkles, a banda feminina galega que homenaxea aos Beatles, Carolina Rubirosa dá un paso adiante co seu proxecto en solitario. No seu curriculum pode presumir de gravar xunto á Real Filharmonía de Galicia, e de compartir escenario con artistas da talla de Coque Malla ou Miguel Ríos.

Ademais, é tamén a fundadora da primeira banda feminina especializada en jam session de Galicia, e autora da canción oficial de promoción do Camiño de Santiago Inglés, “O Teu Camiñar”.

Actualmente atópase a piques de lanzar o seu novo disco, producido por Juan De Deus Martí, e composto integramente por ela, para o que contará ademais coa colaboración de músicos internacionais. Xa podes escoitar o primeiro adianto: “Tierra de Nadie”.

Marem Ladson

É unha das últimas revelacións da escena que máis recoñecemento está a lograr. Comezou a tocar a guitarra e a compoñer as súas primeiras cancións con soamente 9 anos, e conseguiu telonear a Dirty Ray ( Immaculate Fools) e a Laverca Bentley.

Co seu disco debut homónimo, repleto de sons de pop/folk americano, percorreu multitude de escenarios ao redor da xeografía nacional.

A artista defende o uso da música como vehìculo de denuncia social, e a súa reivindicación da muller na escena musical quedou máis dunha vez patente.

O pasado 2020 publicou o seu novo EP, “Azul”, co que sorprendeu cantando en castelán, e co que logrou o recoñecemento de Billboard, que definiu “No Sentir Nada”, o seu primeiro single, como “a canción pop para sentirse ben que todos necesitamos”.

Xoana

O seu disco debut, “Dardos”, plantouna na Final dos Premios MIN ao Mellor Álbum en Galego con tan só 20 anos, competindo con artistas tan consagradas como Mercedes Peón.

Xoana entra en escena cun proxecto comprometido e reivindicativo cuxo principal aliado é o idioma galego.

A través dunha viaxe sonora ao redor do pop, o funk ou o jazz, a artista tenta remover conciencias cun disco cuxas cancións abarcan temas tan importantes como a violencia de xénero ou a emigración. Actualmente atópase traballando no seu novo álbum, no que experimentará con novos estilos e sons.

High Paw

Multi-instrumentista e considerada por moit@s a voz do reggae galego, High Paw comezou experimentando con diversos estilos en formacións como Overhear.

Defensora do reggae como un estilo que “fai pensar” e con letras en diversos idiomas que abordan mensaxes sobre a identidade ou os estereotipos sociais, High Paw afirma facer da loita feminista un tema persoal, e da música a súa lei. O pasado 2020 presentou o seu novo disco, “Solid As The Clock”, e alzouse co Martin Códax na categoría “Reggae, Ska y Mestizje”.

A Banda Da Loba

Este quinteto de mulleres conseguiu dar un paso á fronte cantando integramente en galego, con composicións nas que a maior parte das letras son creación de figuras esenciais da literatura galega, como Rosalía de Castro ou Celso Emilio Ferreiro. Sen deixar de lado as composicións propias, e cun ecléctico son, a formación publicou o seu disco debut, “Bailando As Rúas”, coa colaboración de relevantes figuras femininas da nosa escena, como Guadi Galego ou Tanxugueiras.

 

“Fábrica de Luz”, o seu novo disco, preséntanos temas como “ Adondar a Lingua“, inspirado no poema de Celia Parra, e gravado coa colaboración de María G. Blanco, Alba Novoa e Margarita Mariño.

Dani

Criada no seno dunha familia de músic@s (os seus pais son Rosa e Silvino de Aerolínea Federales), comezou a compoñer os seus primeiros temas en plena adolescencia, e teloneou a Miguel Costas (Siniestro Total) con 14 anos. Actualmente reside en Madrid e forma parte do selo El Volcán Música, co que lanzou o seu disco debut, “Veinte”, producido polo norteamericano Aaron Rux. As súas cancións destilan unha sensibilidad pop combinada con electrónica contemporánea. Vímola subida aos escenarios de festivais como o Monkey Week ou o Tomavistas. A finais do pasado 2020 A Casa Azul e Ortiga remezclaron un dos seus singles: “Si te vas”.

Leticia Rey

Comezou a estudar música con 11 anos, e acaba de gañar o Concurso de Bandas Emerxentes de Sonidos Mans. Cunha sonoridade mística indie/folk, e letras en inglés, castelán e galego, a artista acaba de presentar o seu primeiro single, producido por Javi Amor e inspirado en Santa Cristina: “Through The Wind”. Leticia ten compostos xa 14 temas propios, e en breves verá a luz o seu primeiro EP.

Sanny

As súas primeiras cancións nacen en plena adolescencia, e tras participar noutros proxectos musicais, Sandra Gómez decide levar adiante o seu proxecto persoal: Sanny.

Sons folk/rock norteamericanos e letras moi persoais que abordan temas tan íntimos como a soidade.

“Loners Downtown”, o seu primeiro EP, viu a luz en 2019.

Zeltia Irevire

Comenzou a súa andaina musical entre Galicia e Irlanda, cantando en solitario as súas propias composicións. En 2018 súmase ao seu proxecto Migui Carballido, e xunto a él comeza unha mística viaxe sonora a través do legado cultural de Galicia, aderezado con folk irlandés e blues. Unha mestura de culturas que deixará patente no seu LP “Vacaloura”, cantado en galego, inglés e gaélico, e que está a piques de ver a luz.

Pauliña

Folk galego e country americano comprometido e con espíritu loitador. Pauliña lanza en 2018 o seu disco debut, “De-Xeneración”, e chega a colaborar co rapeiro Valtònyc nun tema sobre a liberdade de expresión e o machismo. Acaba de publicar o seu novo disco, “A Malfalada”, e @s que presenzan o seu directo aseguran que non deixa indiferente a ninguén.

Margarida Mariño

Margarida comeza con 8 anos a estudar violoncelo, e tras licenciarse no Conservatorio chega a actuar no Vaticano de Roma ou na Feira de Exposición Universal en Milán. As súas composicións clásicas fusiónanse con estilos como o jazz ou o post rock, e están inspiradas en temas tan comprometidos como o cambio climático ou a inmigración.

Margarida compuxo tamén música para curtametraxes e espectáculos.

Nana Swan

O seu nome real é Estefanía Alonso. Chegou a formar parte da preselección para representar a España no Festival de Eurovisión e a telonear a Anni B Sweet.

Tras afastarse da súa faceta de música para dedicarse á docencia, deuse conta de que non podía vivir sen pisar os escenarios. En 2019 lanzou o seu primeiro EP, e actualmente atópase compoñendo temas que esperamos formen parte dun novo traballo.

Cuarta Xusta

Quinteto nado en 2016 que leva o compromiso e a reivindicación social por bandeira. Cun estilo que navega entre o rock e o ska en galego, lanzaron o seu primeiro disco, “Un novo Espertar”, en 2018, con colaboracións de músicos como Javi Maneiro de Heredeiros dá Crus.

 

Actualmente atópanse ultimando os detalles do seu novo disco.

Babykazte

Comezou a súa andaina musical como guitarrista, batería e voz de diversas bandas, ata que decidiu introducirse no universo electrónico, no que comezou a producir as súas propias composicións.

Multitude de capas, samplers, loops forman un proxecto sonoro íntimo onde a imaxe e a posta en escena xogan un papel fundamental. Descobre xa como soa o seu último single, “ Argo”, e o videoclip de “ ZK”, pertencente ao seu último EP, “ BLUT”.

Elba

Elba comezou a estudar violín e canto con soamente 7 anos. Tras licenciarse no conservatorio e formar parte da banda Ivy Moon, decide dar un paso adiante co seu proxecto persoal de Synth pop/ new wave ochentero.

Melodías con aura melancólica e onírica, que xa podes descubrir a través dos seus primeiros singles e videoclips. Como dato anecdótico, “Natural Magic” foi rodado en 16mm.

Mordem

Antigamente coñecida como “Jane Joyd”, Mordem debe o seu nome a un poema de Rosalía De Castro. Forma a súa nova identidade sonora entre sons electrónicos e contemporáneos, cos que lanza o seu disco debut, “Fragments to Dominate the Silence”, en 2017.

Participou nunha película sonora realizada integramente por mulleres e protagonizada por Emma Suárez, e compuxo os temas da serie de Movistar “Hierro”, polos que gañou xunto a Xavi Font o Mestre Mateo 2020 á Mellor Música Orixinal.

Actualmente acaba de presentar a BSO da película “Ons”, composta xunto a Xavi Fons.

Playlist de Spotify: "Descúbreas | Artistas gallegas"